4/26/2011

MANUEL COLMEIRO GUIMARAES

1. Introdución
2. Os primeiros anos
3. Anovamento da pintura galega dende Margaride (1926-1936)
3.1. A paisaxe
3.2. Mitos e alegorías
3.3. A experiencia abstracta
3.4. Naturezas mortas
3.5. O compromiso social, o antropolóxico e mailo etnográfico
3.6. O culto á "deusa nai"
3.7. A pintura mural
3.8. Importancia do debuxo
4. A posguerra en Buenos Aires (1936-1948)
5. Os anos parisinos (1949-1986)
6. O retorno á Terra, entre Margaride e Vigo (1987-1999)

1. Introdución

Manuel Colmeiro Guimaraes, é unha das figuras culminantes do renacer estético na Galiza contemporánea do primeiro terzo do século XX, xunto con Maside, Arturo Souto, Laxeiro, Manuel Torres, etc. 
Este movemento pasa dunha pintura rexional realista e modernista a unha nova corrente renovadora e de vangarda nas artes.
Dende entón ata que se pecha o ciclo parisino en 1986, o pintor dedicou setenta e cinco anos da súa vida a dialogar coa arte e máis reinterpretar os valores da Galiza rural, a súa antropoloxía e etnografía. Toda a súa vida pictórica se desenvolve seguindo o curso dos acontecementos, nas diferentes xeografías que habita: Chapa, Margaride e Buenos Aires, os lugares da infancia e a adolescencia, a Galiza anterior a 1936, símbolo do anovamento, máis tarde o exilio bonaerense e parisino, para concluír no retorno definitivo a Galiza.
 
2. Os primeiros anos

Colmeiro (1901-1999), nace en Chapa (Silleda). A súa primeira infancia transcorre na parroquia deste mesmo concello, San Fiz de Margaride. Aos  doce anos reúnese cos seus pais en Buenos Aires, lugar ao que emigraran con anterioridade. En Buenos Aires realiza estudios primarios co debuxo, que daquela era algo máis que un simple pasatempo. Entre os doce e dezaseis anos consolida a súa vocación autodidacta que reforza coa pintura do natural: naturezas mortas feitas a partir das froitas da compra diaria, paisaxes urbanas bonaerenses, descargadores do porto. Ou a memoria de lugares imaxinados de Galiza. Nesta etapa ten un grande interese pola literatura e a filosofía pero a súa formación orientarase cara a pintura cando entra na Academia de Belas Artes como alumno libre ou cando decide participar nas tertulias dun grupo de amigos, os máis deles futuros artistas recoñecidos. En 1926 retorna a Galiza.
Desta etapa apenas conserva obra pintada. O estilo era expresionista, a base de pinceladas libres, fortemente empastadas e xestuais en medio dunha atmosfera gris e esvaída, premonición de moitas das que ía pintar no seu clásico período galego dos anos trinta.

3. Anovamento da pintura galega dende Margaride (1926-1936)

Este período marca a culminación do que poderíamos considerar vangarda histórica en Galicia e en toda España.
A xeración dos Novos sucedía á modernista Nós. Colmeiro elabora novos modelos iconográficos que rompen co rexionalismo folclórico e o realismo académico.
É a etapa das tertulias do Café Español en Santiago, con outros artistas e escritores, é a etapa da publicación De catro a catro de Manuel Antonio...
Nesta época, gracia ás becas da deputación de Pontevedra, amplía estudos en Madrid e Barcelona. Nesta época dominan as cores rosas e violetas cun toque impresionista.
Na época da República (1931-1936) o panorama artístico galego encóntrase en pleno esplendor.
As obras de Manuel Colemiro neste momento reflecten o influxo do posimpresionista Cezanne. Pinta á muller labrega con formas redondas e de gran volume, con pincelada longa. A súa paleta está dominada polos ocres, grises e verdes.
Nesta etapa destacan aqueles aspectos que serán repetitivos ao longo da súa vida: a paisaxe, mitos e alegorías, naturezas mortas, o compromiso social, o culto á figura feminina e terá tamén experiencias na pintura abstracta e na realización de murais.

3.1. A paisaxe

Colmeiro estudiaba á terra como un ser vivo, á maneira de Cezanne, e nela e nas súas variacións xeográficas e climatolóxicas atopou un dos recursos ideais para se sentir pintor. Son terra húmidas, a paisaxe, os campos ou montes, onde pasaba horas e horas, os inspiradores das luces e atmosfera cambiantes, de tonalidades grises e rosáceas. Sol de verán, a tarde triste, Marcha de inverno (1928-1929). Son claros exemplos.

3.2. Mitos e alegorías

Colmeiro recrea na paisaxe galega a presenza duns mitos clásicos -sucede con Hércules ou as Venus bañistas-. Entrevese a influencia de Cezanne na composición e no uso da paleta.

3.3. A experiencia abstracta

Nos anos trinta vai ter preocupación pola experiencia abstracta. Os referentes poden estar relacionados co mundo analítico e colorista de Kandisky, aínda que tamén hai unha tendencia ao rudo, ao tachismo, á xustaposición incontrolada da cor baixo a condución de sólidas pinceladas negras. Este mundo abstracto irase matizando posteriormente.

3.4. Naturezas mortas

Os bodegóns foron a verdadeira escola pictórica de colmeiro que xa iniciara na súa adolescencia. Os clásicos bodegóns colmeirianos están cheos de evocación ao mundo rural galego. As fogazas de pan, ou a panadeira que transporta grandes pans son recursos claros da súa pintura. Aquí quedan marcadas dúas tendencia de vangarda: por un lado as cores berronas do fauvismo e, a través de Cezanne, o inicio do cubismo.

3.5. O compromiso social, o antropolóxico e mailo etnográfico

A crise do 29 agudiza o panorama social do mundo. Nace a expresión artística como crítica ás desigualdades sociais. Nace o artista comprometido. Colmeiro iniciase neste plano reivindicato nos anos trinta do século pasado.
Campesiño morto (1928) é unha mostra específica destes presupostos. A crítica a situación social da clase labrega, pero tamén da actividade mineira está presente na súa obra (Catástrofe da mina, 1929).

3.6. O culto á "deusa nai"

A muller, e a maternidade son os símbolos da vida. A presenza feminina adquire un protagonismo especial en todo o grupo de Anovadores.

3.7. A pintura mural

A pintura mural foi un proxecto que non concluíu na década dos anos trinta do século pasado. Influído polos Anovadores (Seoane, Arturo Souto...) trata de elaborar bocetos para facer grandes murais como expresión da socialización da arte  no mundo cotián.

3.8. Importancia do debuxo

Colmeiro é ante todo debuxante máis que pintor. Un dos grandes debuxantes galegos do noso século. A súa preocupación formal é moi clara.

4. A posguerra en Buenos Aires (1936-1948)

No comezo da guerra civil (1936), inicia o seu camiño cara o exilio en Buenos Aires. Alí traballa sobre todo pintando retratos e murais. Nos anos cuarenta inicia unha gama cromática na que predominan os azuis e verdes. Será nesta etapa onde inicie bastantes traballos de espidos.
 
5. Os anos parisinos (1949-1986)

A súa viaxe a París en 1948 marca unha nova etapa na súa traxectoria art´sitica. Agora a cor  (non o debuxo) será o protagonista onde se dilúen as figuras. Repartirá o seu tempo entre París e Galicia. Nas obras destes anos as cores fanse máis claras e alegres. As figuras, unhas veces xurden envoltas na brétema, e outras son mais definidas como nestes cadros nos que o protagonista principal son obxectos como o pan. 
En 1949 a pintura predominante é o verde.
Na década dos sesenta o seu trazo vólves máis esquemático (renuncia ao debuxo). Nesta década non pinta do natural senon do recordo. Os temas principais son a nai e a terra: a aldea vista dende os aldeanos, non dende a xente de cidade. Os pintores franceses realistas do XIX, (sobre todo Millet) serán un claro influxo e como sempre Cezanne.
 
6. O retorno á Terra, entre Margaride e Vigo (1987-1999)

A partir de 1987, retorna definitivamente a Galicia. A súa vida realizarase entre a aldea de Margaride e Vigo. Nos últimos anos a súa obra non fixo máis que consolidarse e obter un recoñecemento como referencia de boa parte da mellor arte galega de tódolos tempos. Como vangardista histórico galego e español, como anovador da figuración despois dos anos da Guerra Civil, Colmeiro constitúe hoxe, unha referencia do século XX pictórico dos contextos marcados polo "retorno á orde".
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario