1/11/2009

Bicenteranio da batalla de Elviña

A batalla de Elviña tivo lugar o día 16 de xaneiro de 1809 (polo tanto este ano celebramos o seu bicentenario), nos arredores da cidade da Coruña, entre tropas francesas conducidas polo xeneral Soult, que obtiveron a vitoria, e tropas británicas mandadas polo xeneral John Moore, que perdería a súa vida no combate. Na historiografía internacional este choque é coñecido como batalla da Coruña.
A batalla inscríbese no contexto das guerras napoleónicas, e particularmente no da Guerra da Independencia española ou tamén Guerra Peninsular ao ser inseparábel a contenda dos episodios ocorridos á vez en España e Portugal.

A Grande Arméé en España

Despois da derrota francesa na batalla de Bailén o 19 de xullo de 1808, o mesmo Napoleón Bonaparte decidíu solucionar a resistencia peninsular entrando no seu territorio ao mando da Grande Armée. Mentres, en Portugal despois da Convención de Sintra, o xeneral John Moore foi posto á fronte das tropas británicas alí acantoadas.



Entrada de Moore en España


En novembro de 1808, Moore abandonou Portugal, entrando en España á altura da provincia de Salamanca e situándose á altura de Valladolid, con o obxectivo de aliviar a presión francesa sobre Madrid atraendo sobre o seu exército as tropas galas. Ignoraba nesa altura que Napoleón xa entrara en Madrid o 4 de decembro. Moore sofreu o afustigamento das unidades de Soult, quen informou a Napoleón dos movementos británicos; este desexoso dun encontro directo con tropas do Reino Unido, virou cara o Noroeste á caza de Moore.

Retirada de Moore cara Galicia

Iniciouse así a retirada do exército inglés cara Astorga, ante a imposibilidade de facer fronte a forzas moi superiores, mentres se enviaba aviso á frota británica, para que o recollese en Vigo ou na Coruña. Moore chegou a Astorga o 24 de decembro, onde se lle uníu o corpo de tropas galegas do marqués de la Romana, que abandonaran León, ante a ameaza francesa. Moore e De la Romana conferenciaron, o 30 de decembro de 1808, sobre a posibilidade de facerlle fronte conxuntamente aos franceses no arco montañoso que arrodea o Bierzo, porén sería Moore quen se negaría a facelo. As súas tropas estaban esgotadas, o que non empecía que mostrasen signos de indisciplina, que se prolongaron durante o resto do camiño.
Requerido por acontecementos no centro de Europa, Napoleón que chegara a Astorga o día 1 de xaneiro de 1809, abandonou esa cidade o día 3; deixando a Soult ao mando do 2º corpo do exército, formado por uns 25.000 homes e 54 cañóns, con encargo de perseguir a Moore, mentres o xeneral Ney, con o 6º corpo, tamén con cerca de 25.000 soldados e 30 pezas de artillaría, acompañábao a fin de emprestarlle auxilio e reafirmar a ocupación de Galicia.

Moore en Galicia

En consecuencia as tropas de Moore e De la Romana, dirixíronse cara Galiza, mais no Bierzo dividíronse. De la Romana entrou no país galego polo Valdeorras, e logo de rexeitar a súa reatagarda, ao mando do xeneral Mendizábal, o ataque francés da cabaleiría do xeneral Franceschi, na Ponte de Domingo Flórez, situou o seu cuartel na Proba de Tives (6 de xaneiro de 1809); precedeuno un corpo de tropas británicas, desprendido do principal de Moore, duns 5.000 homes, ao mando dos xenerais Craufurd e Von Alten, que alcanzaría o porto de Vigo (12 de xaneiro de 1809), logrando embarcar nos buques da Royal Navy.
Mentres o groso das tropas de Moore, entrou no territorio galego através do porto de Pedrafita, dirixíndose cara Lugo (7 de xaneiro de 1809), e posteriormente a Betanzos.

Moore na Coruña

Moore chegou, por fin á Coruña o día 14 de xaneiro de 1809. Porén as súas tropas non puideron embarcar inmediatamente, pois o mal estado da mar, impedíu que a frota británica puidese atracar no porto.
Ante a inminente chegada das tropas francesas, Moore tomou disposicións para dificultar o acceso das mesmas, facendo voar a ponte do Burgo, sobre o río Mero. Mais parte dos franceses cruzaron ese río polo pequeno pontillón de Cela, no concello de Cambre, á par que repararon a ponte do Burgo para o día 15 de xaneiro.

A batalla

Como o choque bélico fose inevitábel, Moore dispuxo as súas tropas, uns 16.000 soldados, pero con só 9 pezas de artillaría, en tres alturas. Situou unha primeira liña sobre o monte Mero ; unha segunda sobre os montes de Santa María de Oza; e a terceira sobre o monte de Santa Margarita. En medio ficaba o val da freguesía de Elviña, que foi o centro dos ataques.
Soult dispuxo para o ataque de 12.000 soldados de infantería e 4.000 homes da cabalo, estes en parte trabados polas dificultades do terreo. Dispuña porén de avantaxe artilleira, ao poder contar con 20 canóns.
O mesmo día 15, uns 500 fusileiros franceses, sob o mando do xeneral Jardon, iniciaron ataques no monte Penasquedo, e tomaron o monte Mero.
A batalla iniciouse na tarde do día 16 de xaneiro, tendo lugar os máis duros combates pola posesión da aldea de Elviña, da que se apoderaron os franceses na caída da noite, e avanzaron para a aldea de Palavea. Caeu ferido o xeneral inglés Baird, entanto o propio Moore foi ferido moi gravemente pola bala dun cañón, morrendo dúas horas despois. Durante esa mesma noite as tropas británicas, foron embarcando, aínda que os barcos foron cañoneados pola artillería francesa no amencer do día 17.

Consecuencias

Ese mesmo día 17 de xaneiro de 1809, Soult entrou na cidade da Coruña, que capitulou ao mando do xeneral Alcedo.
En total os franceses perderon uns 1.200 homes e os británicos uns 900, pero estes perderan ao longo da súa penosa retirada desde Castela uns 8.000 soldados.
Aínda así a presenza das tropas napoleónicas na cidade e no conxunto de Galicia durará moi pouco tempo (seis meses máis) ao ser derrotados os franceses polo pobo galego na Batalla de Ponte Sampaio (situada esta localidade entre Vigo e Pontevedra).

Ningún comentario:

Publicar un comentario