En Galicia, só o 35% dos estudantes que finalizan a ESO cursan despois ciclos formativos
Nalgunhas familias profesionais, como comercio ou madeira, non se cubriron máis do 40% das ofertadas
Con todo, non será unha tarefa fácil. Algunhas familias de FP presentan unha porcentaxe de vacantes similar ao dalgunhas carreiras universitarias que ocupan titulares de xornais pola súa baixa demanda. En total, máis do 21% das prazas ofertadas este curso en FP quedaron libres: 4.121 dun total de 19.552, o que supón que non se ocupou unha quinta parte da oferta. A pesar de que a cifra é elevada, reduciuse respecto de anos anteriores. No 2004, por exemplo, nos ciclos de grao medio superábase o 30% das prazas sen cubrir.
Do mesmo xeito que ocorre na universidade, hai estudos de FP onde a demanda supera con fartura á oferta e ao revés. Por exemplo, en comercio e mercadotecnia quedan libres máis do 40% das prazas ofertadas en ciclo medio, e en actividades agrarias supérase o 36%. En administración, o número de vacantes tamén excede o 37%, mentres que en informática de ciclo superior case o 40% das prazas quedaron libres, e en madeira e moble practicamente a metade. Estas cifras contrastan coas de familias onde as listas de espera son habituais. é o caso de imaxe persoal en ciclos superiores, unha familia onde as vacantes non chegaron nin ao 4%, ou comunicación, imaxe e son, na que apenas se superou o 8% de prazas libres.
Pero os estudos con máis alumnado non son necesariamente os que teñen unha maior inserción laboral. Hainos moi demandados polas empresas, pero pouco atractivos para os estudantes. Este desfasamento provocou que a Consellería de Educación leve anos incentivando con bolsas aos mozos que se decanten por este tipo de titulacións, que define como ciclos non vocacionais. Entre eles figuran ramas de actividades agrarias e marítimo pesqueiras, mantemento e servizos á produción, téxtil e pel, ou edificación e obra civil. En casos como o primeiro, polo menos este curso si se logrou un nivel de ocupación elevado, aínda que outros como téxtil seguen tendo moitas vacantes.
O novo modelo
O novo Plan Galego de Formación Profesional, presentado en abril do 2008, ten entre os seus obxectivos precisamente adecuar a oferta á demanda existente. Para iso, estruturarase Galicia en quince áreas xeográficas para así adaptar cada estudo ás demandas das empresas e do tecido produtivo da zona. Con isto tamén se evita que haxa moitas duplicidades de ciclos, xa que ata agora a demanda estruturábase en concellos, polo que municipios limítrofes podían presentar unha oferta moi similar, nin sequera demandada polos alumnos.
A formación continua ao longo de toda a traxectoria profesional vai ser outro dos eixos nos que faga fincapé este plan, que prevé un investimento duns 700 millóns ata o ano 2011. Neste sentido, cobran moita importancia os itinerarios personalizados, que permiten que o alumno (neste caso os traballadores) elixa módulos dun ciclo e non todas as materias, e os vaia cursando en función das súas necesidades laborais.
Finalmente, a nova política de FP insiste tamén no autoemprego e na acreditación con carnés de competencia daqueles traballadores que aínda non tendo o título académico, si teñen o coñecemento suficiente para obtelo en base á súa experiencia profesional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario