12/10/2008

RUXE-RUXE



"Díxose de nós que eramos o último grupo bravú, pero non o sei, depende". Tarde demais para o bravú, a banda formouse en 1996 e o primeiro disco data de 1999, e cedo demais para a explosión de Internet, Ruxe-Ruxe naceron no ronsel dos Diplomáticos de Monte-Alto e tamén miraron cara a "The Clash e The Pogues". "Se ser bravú é cantar en galego e ser de aldea e falar das cousas da aldea", explícase o cantante, guitarra e compositor Vituco Neira, "somos bravú. Para nós non é negativo". Ruxe-Ruxe pechou o mes pasado, no 20º aniversario de Galiza Nova, os trinta concertos de presentación de Xigante. Agora preparan a entrada en estudio para gravar as doce cancións que formarán o seu sétimo disco.

"Xigante foi un disco lento, de medios tempos; o novo vai ser moi punk, temas rápidos e punk", relata Vituco Neira, "e con aires de música tradicional". Pero unha tradición, a que lles interesa aos Ruxe, que non ten que ver "co que se entende por folk": "A banda evolucionou cara a un son máis brusco, máis duro, e no disco que gravaremos a comezos do ano que vén queremos crueza". Para Vituco Neira, frontman dunha banda que conta sete membros, a madureza dun proxecto musical mídese a través da clareza: "Cada vez temos máis claro o que queremos, e que facer para conseguilo".

Mais a historia de Ruxe-Ruxe arrinca na maneira punk de facer as cousas. E contra 1996 nunha aldea do extrarradio compostelán, Aríns. "O punk foi a grande escusa", di, "decatarse de que non é preciso saber tocar para facer unha banda". E engade: "As grandes cancións do rock&roll só necesitan máis de dous ou tres acordes, unha linguaxe doada". Para o máis semellante a unha orquestra neobravú que opera a día de hoxe en Galicia, amais de "espírito punk", precisou de catro amigos de instituto, os catro que aínda seguen a pé de palco: Xaco Barona, Xan Rico, Jimmy e o propio Neira.

"No grupo hai unha gaita porque entre os amigotes que fixemos o grupo había un gaiteiro, Xaco", lembra Neira. Nunha aparición na Serra de Outes o mesmo ano da fundación e coa Ruxe ruxe maketa, rexistrada por Piti Sanz, comezou a historia "dun grupo de xente que estaba facendo a vida; logo vén o traballo, as mozas e os mozos, os fillos, e todo cambia". Seis ou sete músicos foron, a dicir de Neira, vítimas desas circunstancias nunha formación que non atinxiu a profesionalidade. "Pero isto dá moitas satisfaccións", e esmiúza, divertido: "O ano pasado convidáronos tocar ás Azores, unha semana a gastos pagos".

E certo éxito de vendas: máis de 4.000 discos colocados d'A terra dos conventos (2002) e de Fervendo (2004) sitúan a Ruxe-Ruxe -canda os cerdeirenses Zënzar, o máis prolífico do rock en galego- na primeira división comercial. "Pero estou a prol da piratería e de descargar discos", admite. "Ao final, a música sobrevivirá na súa maneira máis orgánica, un músico tocando".

Ningún comentario:

Publicar un comentario